O ensanchamento urbano e a modernización viaria de Vigo levados a cabo a finais do século XIX, cando se derrubou a muralla, obrigaron a comunicar con amplas avenidas o que antes eran tramos estreitos e revirados. Abríuse a rúa de Elduayen, daquela Travesía de Vigo, que seccionou o centro histórico da cidade, quedando separado do conxunto o Barrio Alto. Moi renovado na última década, remonta ata as abas da Fortaleza de San Sebastián. No século XVI fundárase nas inmediacións unha capela devota de tal santo, hoxe desaparecida. A Rúa das Hortas é indicativa do labor labrego que aquí se desenvolvía e onde o terreo rememora un hábitat prehistórico, coa aparencia dos antigos terrapléns castrexos.
Na Subida ao Castelo está instalado o Centro de Artesanía Tradicional, que acollía, ata o seu peche en 2015, obradoiros e cursiños de cestería, madeira, coiro e pedra, así como unha mostra dos oficios antigos; esta irregular travesía prolóngase ata o Paseo de Afonso XII a través dunhas escaleiras, que converxen con outras que soben cara ao Calexón Estreito. É interesante reparar aquí na presenza da chapacuña e os lastros, memoria dos pavimentos antigos.
A Rúa da Ferrería debe o nome ao señorío que en Vigo tiveron os bispos composteláns sobre as actividades gremiais aquí desenvolvidas.
Na rúa Baixada á Herba vemos un impoñente edificio, máis alto có resto, realizado cara a 1840 que está considerado o primeiro rañaceos da cidade.
A praza de José María de Calatrava (pai da constitución de 1812) era sede do mercado da leña; e a de Agustín Argüelles (opositor a Fernando VII), a da Herba.
Na rúa de Abeleira Menéndez (alcalde de Vigo en 1840) está a xoia do barrrio, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, que reúne unha moi completa antoloxía da arte galega contemporánea.
Aséntase na casa de Diego Arias Taboada, defensor de Vigo na guerra con Portugal no século XVII, nos tempos que se levantaba a muralla.
As imaxes foron gravadas en 2014-2015. O texto escrito en 2015.
© Basilio Cegarra