Gravación realizada entre as 9 da mañá e as 10 da noite do 29 de abril de 2021 dende o instituto Santa Irene de Vigo. Un día na Praza de América, As Travesas, como é coñecida popularmente, onde antigamente acougaban nas cocheiras os tranvías da cidade. No medio da rotonda, a Porta do Atlántico, de Silverio Rivas, feita en 1992 como homenaxe aos emigrantes galegos que dende o porto de Vigo emigraban ás Américas. Unha escultura granítica de 14 metros de altura e 427 toneladas de peso, cunha fenda vertical que separa as portas simbólicas dos dous continentes. Da praza xorden sete importantes avenidas, Castelao, Florida, Fragoso, Castrelos, Gran Vía, Camelias e Coruña, que a converten no centro neurálxico da parte oeste da cidade.
© Basilio Cegarra