Waldino Varela naceu en 1930 no barrio de Teis, hoxe parte de Vigo, no seo dunha familia anarquista. O golpe militar do 36 e a feroz represión desencadeada, tamén o heroísmo e a solidariedade dos derrotados que resistían, foron os referentes da súa infancia. Con catorce anos entrou a traballar como aprendiz de torneiro nos estaleiros Vulcano. De berce rebelde, adheriuse ás pioneiras tentativas de dar pulo á loita obreira na cidade. Seguindo a consigna do Partido Comunista, entrou no sindicato vertical en 1953, que rapidamente se utilizou como plataforma de mobilización na conquista de melloras laborais. Waldino foi protagonista e líder respectado nas históricas folgas do 62 e 72 en Vigo. Fundador das CCOO, dirixente do Partido Comunista de Galicia, é hoxe nome de referencia dunha xeración de persoas que, baixo unha ditadura militar, o deron todo poladignidade do traballo e a liberdade, e ben que o pagaron. Neste documentario Waldino lembra e valora oitenta anos dunha historia da que fai parte, que se estende dos recordos infantís da República ata a actualidade mesma.
© Basilio Cegarra