A illa sur do arquipiélago vive allea á pegada do home. Furnas e cantís, penedos de granito pelados pola erosión, tapiz verde, precarios bosques. O Freu da Porta, un estreito de 500 metros, sepáraa da Illa do Medio, ao pé do Alto de Monteagudo e os faros maiores. Area de San Martiño chámase a súa praia e Faro do Cabo de Bicos a súa luz. O punto máis alto é o Monte Pereiro, 172 metros. Vento constante e augas bravas, o ceo espella nun mar cincento e luminoso, onde pescan e repescan aves e mariñeiros abalando na maruxía.
© Basilio Cegarra