O 25 de xuño de 2010 celebrouse en Lavadores (Vigo) unha homenaxe Manuel Fernández Solla, Lucho, gaiteiro de referenciana comarca viguesa. Empezou a tocar nos anos 60 nos grupos Os Cruceiros e Airiños do Monte de Sampaio, cos que gravou os primeiros discos LP, ata completar unha longa e recoñecida traxectoria de máis de medio século de actuacións.
Lucho, foi na súa vida profesional un traballador do metal, pois da gaita non se comía. Comprometido co movemento obreiro vigués, despedírono da empresa Álvarez en marzo de 1962 a raíz das folgas de apoio aos mineiros asturiáns, continuando o seu labor activo de oposición sindical naqueles anos de ditadura ata ser aprezado o seu esforzo en 1976, cando encabezou con Juan Benavides a delegación dos traballadores que negociou coa patronal o convenio provincial do sector.
A homenaxe a este home xeneroso e artista de valía, derivou nunha festa de gran categoría musical, pois contou coa presenza de Henrique Otero (1930-2013), decano dos gaiteiros de Galicia, a persoa que conseguíu nos anos 70 o recoñecemento do instrumento con rango de conservatorio, onde foi o primeiro mestre de gaita e aprendeu a innumerables músicos, caso de Carlos Núñez.
Os dous mestres, vellos amigos, estiveron arroupados por Antón Silva (gaita) e María Hervella (bombo), d’Os Folieiros de Salvaterra, a pandereteira Tamara e o seu grupo de percusión, o tamborileiro Manolo Rinrín, percusionista do grupo Muxicas (1978-2000), referencia innovadora da música tradicional e o benquerido Paco Rodríguez (1947-2013), guitarrista, laudista, violinista, pianista e gaiteiro, profesor de matemáticas de oficio. Mozos e maiores, entre bailes e aturuxos, fóronse sumando a este entrañable serán en Lavadores.
© Basilio Cegarra