Coia

Comeza o século XXI, comparecen novas xeracións de estudantes neste instituto de secundaria, o IES Alexandre Bóveda de Vigo, aínda coñecido popularmente por Coia2.

A confraternidade e as cualidades creativas da mocidade quedan manifestadas nestes documentais, que son tamén crónica dunha época.

Música, danza, artes escénicas e improvisacións parateatrais deron lugar a estas actuacións ideadas e organizadas pol@s artistas de forma autoxestionada. Inclúense tamén nesta páxina as visitas realizadas ao centro histórico vigués, cando este presentaba un aspecto ruinoso, antes da rehabilitación emprendida nos últimos anos. Unha reivindicación da conciencia cidadá descubrindo a historia e o patrimonio artístico de Vigo ao visitarmos todos os anos aquelas rúas descoñecidas, case malditas, malia estar no mesmo centro da urbe. Ademais, o clube de balonmán de Seis Do Nadal, do colexio irmán do barrio, conseguíu un grande éxito deportivo ao acadar o terceiro posto no campionato de España xuvenil de 2011.

Galería de lembranzas para tod@s os que aquí felizmente nos volvemos ver.

 

Publicáronse estes documentais ao amparo das circunstancias previstas na Lei de protección de datos. No seu día foron proxectados na aula en presenza dos protagonistas, que poideron levar copia privada para casa -non sendo autores- co compromiso ante o grupo de non divulgar, darlle uso indebido ou subilo a internet. Os que optaron por non saíren -poucos, se os houbo- non saíron. As imaxes evidencian por si mesmas o masivo espíritu participativo. As actuacións artístico-musicais son produción propia dos estudantes, os paseos urbanos deseñounos o profesor, quen antes da publicación dos vídeos en 2024 entrou en contacto con máis de cen estudantes de distintas épocas, directamente ou por ramificacións entre amigos, de maneira especial cos artistas e músicos que aportan maior notoriedade. Todos os consultados mostraron apoio á iniciativa, mesmo agradecemento.

Ata aquí o que a lei permite facer a unha publicación benintencionada co abeiro dos protagonistas. Mais, respondendo a elemental ética, tamén prohíbe de forma expresa a reutilización de contidos fóra do marco orixinal, pois pasarían a ilustrar, sen permiso dos interesados, narrativas alleas, mesmo sendo positivas, que descoñecen e non autorizaron. Neste caso trátase dunha crónica familiar entre compañeiros e desa súa casa non debe saír. Obriga a todos, ao autor tamén, que non pode reeditar ou ceder imaxes para outros fins. O copyright implica dereitos, ampara a propiedade intelectual, pero tamén deberes relativos ao uso.

Os vídeos están aloxados nunha carpeta específica dunha web segura, sen elemento comercial ningún, baixo a responsabilidade do creador. Non permite intrusións -descargas, comentarios, likes, cookies- nin se interrompe con anuncios e outros asaltos á privacidade comúns hoxe en día. É un espazo cordial de convivencia e memoria -unha época, unha cidade, unhas persoas- recordos valiosos para aquela xente entón moza, hoxe tamén, entre 30 e 45 anos xa cumpridos. A principios de século non irrompera aínda a presión tecnolóxica e de redes, todo era máis amable e presencial, mandando a confianza mutua. Nese ámbito debemos revivir, con respecto e alegría, estas memorias.