Hai 10 millóns de anos un punto quente derivado da dorsal mesoatlántica orixinou as erupcións submarinas das que habería xurdir o arquipiélago dos Açores. As Ilhas do Faial (730.000 anos) e O Pico (250.000 anos), centrais, foron as últimas en emerxer do mar, São Miguel, occidental, das primeiras (7 millóns de anos). Fan parte da placa euroasiática e teñen rexistrado nos últimos tempos numerosos tremores de baixa intensidade.
A Ilha de São Miguel é a máis occidental, a máis grande (746 km2) e a máis poboada (150.000 moradores). Sede do goberno rexional, foi descuberta cara 1430. A xeito de columna vertebral, tres estratovulcões conforman un impoñente macizo conectado entre si por conos de escorias e enchoupados por inmensas lagoas. No extremo leste, Sete Cidades posúe una caldeira de cinco km de diámetro e está cuberta por tres lagoas: Verde, Azul e de Santiago, onde se acadan os 350 metros de profundidade, o que dá idea do inmenso buraco, anegado, que alí hai. Na parte central, Fogo afunde una caldeira de tres km de diámetro e asistíu á ultima erupción en 1564. Máis ao oeste, Furnas, en 1440 e 1630, tamén coñeceu violentos fluxos de lava, o segundo causou a morte a 200 veciños. Aquí é onde o magma bule máis próximo á superficie, queda evidenciado nas fumarolas, lodos ardentes, augas e vapor sulfurado que ferven na contorna. O vulcanismo omnipresente vese amansado pola auga calma lacustre e o verde vexetal. Cores e luces de ensoño nun silencio definitivo son patentes nas lagoas do Congro, O Canario, O Carvão, As Égoas e outras máis pequenas. No litoral, numerosos ilhéus erosionados por mar e vento salpican a costa, sendo notable o da Vila Franca do Campo, convertido en piscina natural. A Gruta do Carvão é un profundo, extenso e ramificado túnel de lava con estalactites e estalagmites.
LUGARES POR ORDE DE APARICIÓN. São Miguel: área xeotermal das Furnas, Caldeira das Sete Cidades, Lagoa do Congro, Lagoa do Canario, Caldeira das Furnas, Lagoa de Santiago, Caldeira do Fogo, Salto do Cavalo, Pico do Carvão, Cascatos de Achadinha, Salto do Cabrito, Areal de Santa Bárbara, Ilhéu da Vila Franca do Campo, Ponta da Ferraria, Gruta do Carvão.
© Basilio Cegarra