Vigo ao pé da fortaleza 2000-2025

Rúa das Hortas
Subida ao Barranco
Rúa de San Sebastián
Subida á Costa
Subida ao Castelo

Estamos na parte máis elevada do centro histórico vigués, onde as últimas rúas coroan o barrio na contorna da fortaleza de San Sebastián. O cambio de fisonomía acontecido entre 2000 e 2025 mudou radicalmente esta céntrica zona urbana, que estaba prácticamente despoboada, era socialmente marxinal, coas casas en ruínas e pésima hixiene. Hoxe camiñamos por travesías de bo pavimento, con vivendas dignificadas, unha nova veciñanza e pequenos locais comerciais, sendo tamén espazo urbano de festa e cultura.

Dous edificios públicos están presentes: a Oficina do Rexistro Civil da Xunta de Galicia, na rúa de San Sebastián, de luminosa arquitectura acristalada, e o que fora Centro de Artesanía Tradicional (CAT), construído a finais de século con fondos europeos, que durante máis dunha década impartíu cursos de coiro, madeira, pedra, cerámica e cestería, os oficios tradicionais. En 2016 foi cerrado polo Concello e a casa adaptada con funcións administrativas para acoller a Oficina de Rehabilitación de Vivendas.

As imaxes superpóñense no tempo facendo comprensible a evolución e evidenciando os fortes contrastes ente pasado e presente.